viernes, 14 de mayo de 2010

O relato de Uxía e o Courel ( por Andrei Quintiá Pastrana)


Unha tarde de Sol.

Vai unha calor do demo.
Unha abella zumba ao meu carón coma se fósemos colegas e, eu, que son amigo de dialogar déixolle as cousas claras. “Non, tía. Eu son republicano, renego da túa raíña. Raíñas fóra, meu. República a tope” Pero segue zumbando allea á linguaxe articulada, ignorando que hai un mundo fóra da súa miserable vida, e iso ponme nervioso.
Collo unha herba, chúchoa e comeza a saír ese zume agreo que pouco a pouco vai tinguindo as miñas papilas gustativas.
Cuspo.
Busco a tentas un caramelo no meu peto, pero non o atopo e maldigo á insoportable abella pola miña angustia, fágoa culpábel do meu infortunio.
E penso na abella.
Penso no seu zunido. Penso na herba de zume agreo.
Penso que deberían acabar con todas as molestas abellas zumbantes do mundo.
Penso que vai unha calor do demo.
Penso que o ceo está baleiro.
Tómbome.
Saco un pito, e logo un chisqueiro. Acendo o pito e dou unha calada. Cando expiro solto o fume contaminando o aire puro da Serra do Courel.
Tapo os ollos coas mans para que o sol non me queime a retina. Sigo enchendo os pulmóns de veleno e escoito uns pasos.
É Uxía que senta á miña beira.
Di “Ola”, fala un pouco e pregúntame se non teño calor. Odio que a xente pregunte cousas obvias e non lle respondo. Dígolle que teña coidado coa abella e ri. Ten un sorriso precioso, pero non o vexo porque estou tapando os ollos coas mans. Protexo os ollos do sol coas mans. Pero de todos os xeitos sei moi ben como é, e non preciso vela.
Uxía é unha rapaza atractiva, loura, alta.
Todos os tíos están tolos por ela, pero a min non me atrae, se cadra porque aínda é unha nena. Aínda así recoñezo a súa beleza.
Ten os ollos da súa nai. As mans de seu pai, e as pernas, din na aldea, eran as da súa defunta avoa. En cambio o nome vén, non da familia, se non do poeta. Uxía criouse con poemas de Uxío. Uxía mamou versos de Novoneyra. Porén non chegou a coñecelo. Eu si. Os da miña quinta si. Sentabámonos ao seu redor e el contaba algunha das súas historias, ou recitaba algún dos seus poemas. Pero Uxía era da xeración dos novos e non tivo ocasión, aínda que sempre foi unha gran amante da súa literatura. E foron os versos de Uxío os que acordaron nela o interese pola poesía. Lía poesía todos os días e con cada poema espertaba nela o desexo de buscar o amor
Lembro que cando Uxía fixo os dezaseis anos fuxiu cun estranxeiro nove anos maior ca ela. O americano. Mais, dous días despois os seus pais recibiron unha chamada dende o aeroporto de Madrid. Foron buscar unha filla leda e espelida e trouxeron unha ánima en pena. Por desgraza non soubemos nada do que pasara, xa que non dixo ren. Non dixo literalmente ren ata cousa de hai un ano, cando tornou outra vez a rir, a ondear os seus cabelos louros. E outra vez volveu bailar nas festas.
Tornou a sorrir cando a miraban disimulados os rapaces.
Tornou a deitarse na herba fresca orballada mirando o infinito ceo.
Tornou a acender a radio e escoitar música.
Tornou a falar coa xente.
Tornou, en definitiva a ser feliz, ignorando que hai un mundo aí fóra, a zumbar allea aos problemas do mundo, como unha abella de flor en flor.
Doce Uxía, cómo envexo a túa inocencia. Se foses un verso colocaríate no bico de Novoneyra, o teu amado poeta. Serías pois o máis vulnerable verso d’Os Eidos.
Ela Fala, ri, canta.
E eu sigo cuberto de envexa. A carraxe non era máis que unha reacción lóxica, resposta ao meu pecado capital… Quen me dera ser unha abella, e voar por entre as flores da terra de Uxío Novoneyra, ignorando que existe un mundo fóra da miña burbulla…

2 comentarios: