martes, 18 de mayo de 2010

Entrevista The Homens 9/04/10

Ben, pasados uns cantos meses dende aquel concerto dos Homens no Zona Zero , aquí deixo a entrevista que conseguín facerlles para a revista do instituto. Do melloriño son estes mozos, tanto a nivel musical como persoal. Todo xenial, exceptuando que o Meixonfrío queda no cú do mundo. Matemos todos a Pepiño Blanco.




Martin Wu, Roi, Xocas e Cristovo son The Homens, a banda compostelá de Powerpop que chega co seu novo traballo “Cuarta Potencia”, disfrutade:

-The Homens, por que ese nome?

M- Por chiste.

X- Nin por chiste foi.

R- Realmente os nomes case sempre se poñen porque che soa ben, pero a nós nos facia gracia porque tamén cando empezamos cantabamos cancións en galego, cancións en inglés e era unha mezcla un pouco das dúas cousas. “Homens” e homes en portugués, foi un pouco a gracia de que estivera en inglés e en portugués ó mesmo tempo.

- Sodes un grupo relativamente novo, pero xa con antecedentes musicais. Como surxiron The Homens?

M- Xa non somos tan novos (risas).Pois mira, Roi tocaba en grupos de garage, Xocas mais eu tocabamos en grupos en plan hardcore, e creo que a finais de 2004 xuntámonos para tocar o que facemos máis ou menos agora,un pouco diferente, porque sempre vas buscando o que che apetece en cada momento…

X- Coindiciamos todos no mesmo local de ensaio, na Casa Xurásica.

R- Si, había un círculo ahí de músicos, bueno un sitio donde se xuntaban moitos músicos e moita xente así, que viñan dunha pandilla, da xente do Castiñeiriño, que é un barrio de Santiago co que nos sentimos moi identificados, e alí cuadramos os tres e empezamos a facer esta historia.

X- E despois incorporamos a Cristovo, que o coñecimos nun bar (risas).

T- Ai, eu pensei que fora nunha biblioteca (risas).

R- Eu coñecía a Cristovo de tempos inmemoriais, de tocar por ahí adiante e un día vímonos en Porriño e preguntoume: “oes, coñeces algún grupo que queira un teclista ou tal..?” e eu díxenlle “bueno, vente por alí”, sen pensalo demasiado e xa se quedou.

X- Un cuarto de horiña no local, firmamos un contrato blindado, e fumos tomar uns callos (risas).

-Polo que teño entendido, non vos dedicades por completo ó grupo. Como se leva iso de compaxinar o traballo coa música?

M- Eu fun periodista deportivo, agora afortunadamente deixei ese submundo e dedícome a outras cousas, pero son periodista. Cristovo é enxeñeiro de parques eólicos, Xocas é productor e xestor cultural, Roi é diseñador gráfico e Tomás é o único que se dedica profesionalmente á música, realmente e o único que sabe disto (risas).

Compaxinámolo como podemos. Outra xente xoga ó fubito e nós facemos rock and roll e non sei se é máis creativo ou non que xogar ó fubito, pero e que eu o fubito non sei xogar, bueno, coa dereita si, coa esquerda non (risas).

-Influenciados polo hardcore e o postpunk, que vos motivou para rematar facendo powerpop?

X- Eu creo que divertirnos e deixar un pouco tamen de tocar outras cousas.

R- Non, cando empezas sempre te amarras a algo, saes dun estilo ou hai algo que nese momento e o que che gusta moito e que te divirtes facendo iso, e nós collimos a parte máis lúdica do powerpop, o rollo máis divertido. Pero logo ten o punto de que lle podes meter o que queiras, que segue sendo powerpop e non é tampouco un estilo tan pechado coma outros. Podes facer moitas cousas e o powerpop é unha etiqueta como tan amplia… pero nós tampouco queriamos montar unha banda de powerpop. Fixemos isto porque nos gustaba pero o que escoitabamos son rollos completamente distintos a iso. Empezou por ahí e logo a cousa foi evolucionando cara un sonido supoño que máis persoal, pero non somos nós tampouco moito da etiqueta e de sentirnos identificados con certos movementos.

-Nalgunhas das vosas cancións moita xente consegue apreciar unha clara influencia dos Planetas, credes que é certo? En canto a gustos musicais, que adoitades escoitar?

M- Nos cremos que fagamos o que fagamos, pero o que fagamos, eh? Ou sexa, se nos grabamos un día pola noite arroutando , vaise dicir” Eses son como los arrotos de Jota” (risas). Que che vou dicir… A min os Planetas gústanme moito, son un grupo moi importante, sempre me gustou moito, desde que empezamos pero…eu non lle vexo tanta relación.

X- A todo o mundo os compararon cos Planetas, quero dicir, a Triángulo de Amor Bizarro cando saíron “Son los nuevos Planetas”, os Nova Vulcano cando saíron “Son los nuevos Planetas”, é unha comparación que todo o mundo fai, porque son un icono digamos do pop indie. Pero bueno, haberia miles de grupos os que sí que nos parecemos moitísimo.

R- E respecto aos gustos musicais… Mira, Cristovo está escoitando un grupo que se chama Queens Of The Stone Age, a Eagles of Death Metal e tamen a Them Crooked Vultures (risas). Polo demais, depende, non sabería dicirche. E que realmente somos un grupo así a nivel persoal bastante eclécticos, pero ultimamente falamos de grupos como Nova Vulcano, Spoon,os Novedades Carminha, ou os Samesugas...

M- Creo que todos escoitamos moitas cousas moi distintas. Porque se só escoitas The Eagles of Death Metal (risas) pois a túa vida sería un inferno, non? E iso, hai cousas que che gustan máis, cousas que che gustan menos pero non te podes cerrar a nada. Se a min o que máis me gusta e Bach! (risas).

-Tendo en conta o continuo conflicto sociolingüistico entre galego e castelán, o feito de facer musica en galego algunha xente considérao como moi “indie”. Que opinades sobre isto?

R- Eu opino que non somos nada indies.

X- Non, ó contrario.

R- Aparte non teño nada claro que é iso do indie, paréceme unha entelequia, agora todo o mundo é indie. O indie é unha cuestión que hoxe en día ten máis que ver co mainstream que co que realmente é a música independente. A música independente son os grupos que se autoproducen os discos, que andan tocando por ahí e que andan comendo bocadillos.

X- Hoxe o 90 ou o 98% os grupos funcionan así, quero dicir, coa historia das novas tecnoloxias e de Internet, co abaratemento dos custos de grabación , coa mellora tecnolóxica… hoxe todo o mundo e independente.

R- Hoxe o indie é o que sale na Rock Deluxe, ese é o indie. Hai que facer un cursillo, e ter flequillo.

M- E respecto do que preguntabas do idioma... Nós cantamos no que boamente podemos, cantamos no idioma no que falamos habitualmente e é a nosa opción,ou sexa, nós non damos leccións a nadie de nada. Cada un ten a súa postura.

R- Si, respectamos ó resto e todo iso, pero parecenos moito máis natural cantar na lengua que empregamos habitualmente.

-Co videoclip da cancion Calamar, realizado por Roi Fernández e Isaac Cordal, conseguistedes un premio o mellor videoclip na V edicion do festival de Cans, e tamen quedastedes finalistas no Musiclip 2008. Cada movemento da cabeza de Martiño supoñia uns 15 debuxos, non pareceu doado facer o videoclip. Como foi o proceso?

M- O video creo que debe de durar dous minutos e pico, que é o que dura a canción. Son mil debuxos feitos a rotulador, un a un, cun proxector…Nós realmente fumos unha tarde a xunto deles, fixemos un pouco o tonto, e con iso eles montaron o video que quixeron, que é unha marabilla. Pero vamos, o do video e deles, eles fixeron o que quixeron.

- Tra-los vosos dous EPs #1 e #2, e o larga duración Tres, o cal foi escollido como segundo mellor traballo do 2007 pola Sono-Tone, chega Cuarta Potencia, un novo disco cunha nova incorporación ó grupo que ben se pode apreciar nel. Dicídeme, como definiriades Cuarta Potencia?

R- Cuarta potencia é un disco que sale así dunha situación de mosqueo xeral coas cousas que estaban pasando no mundo e co que nos rodea e non sei, saiu ahí un disco enfadado.

X- E despois a nivel de sonido creo que chegamos a un punto que tres era como algo inicial, e isto como que é un pouco máis traballado e máis onde queriamos estar. Despois, a incorporación de Cristovo deunos pé a poder facer moitas máis cousas que antes non faciamos, e nese sentido, está un pouco máis logrado.

- Monte Moriah é unha das que máis me gusta do voso último traballo, contádeme a historia da canción.

M- É a historia dun tio que esta completamente zumbado pola relixión, como moita xente que esta zumbada por esas historietas, ó mellor saíu por iso, pero bueno,tampouco te creas.

-Facédeme unha lista das que considerades as vosas 5 mellores cancións.

R- Eu intentei facer esa lista nos bares, bueno, nos bares e na miña casa tamén, e son incapaz.

T- “Te vas con cualquiera” é unha, “Arde o monte” dos Redullos é outra (risas)

M- Eu creo que iso depende do día. Cada día diríache 5.

A mellor canción da historia do rock and roll é “Da Doo Ron Ron” das Crystals, no ano 63 producida por Phil Spector, esa, ou “Be my baby” das Ronettes producida polo mesmo un mes despois. Esas son as mellores cancións da historia do rock and roll, e de ahí, todo foi costa abaixo (risas)

C- A min do último, “Perfecto” é a que máis me gusta.

X- A min tamén depende do día, e do momento do concerto.

R- Sí, depende, depende do momento.

-“Non é o final, é só o principio de algo máis”. Cando poderemos disfrutar de ese algo máis?

M- Pois mira, de momento estámonos trasladando de local de ensaio e vendo como queda para ensaiar. O local no que ensaiábamos tiróunolo abaixo o Ministerio de Fomento para facer unha vía do AVE por alí.

X- Pepiño Blanco, apunta ahí, Pepiño Blanco.

M- Estanos levando mogollón de tempo trasladarnos, ou sexa, que de momento estamos un pouco vagos, pero cando volvamos a darlle ó clic…

R- Temos ganas. A idea é que cando teñamos local, a saco, xa o falamos así a ver se faciamos algo este ano, non sei, un EP ou algo, grabar temas novos… E que realmente nós vamos moi lentos, sacamos disco...cada dous anos e pico.

M- Os Planetas sacanos en anos pares e nos en anos impares(risas)


Andrea Vázquez Carneiro




No hay comentarios:

Publicar un comentario